Congreso internacional sobre vulnerabilidade social, crise económica e dereito á vivenda


Os días 3 e 4 de outubro de 2019 celebrouse na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela o Congreso Internacional sobre vulnerabilidade social, crise económica e dereito á vivenda organizado pola Rede Armela. Neste encontro déronse cita investigadoras e investigadores reputados da ciencia política e do dereito para dialogar sobre a cuestión habitacional en relación coa vulnerabilidade nun contexto de crise.

O Congreso dividiuse nunha mesa redonda inaugural, catro grupos de traballo no que se presentaron até 20 comunicacións, unha palestra e unha conferencia de clausura que, ao longo do dous días abordaron múltiples problemáticas desde unha aproximación interdisciplinar.

A mesa inaugural correu a cargo do profesor Ramón Máiz e da profesora María Xosé Agra, cuxas palestras contribuíron a debuxar o marco teórico en que se desenvolveron os debates posteriores. Na súa ponencia, Ramón Máiz reflexionou sobre o concepto de desigualidade social e a importancia da predistribución como complemento da distribución de recursos. Pola súa parte, María Xosé Agra centrouse na análise do concepto da vulnerabilidade e dos “seus rexistros”, así como da vulnerabilidade estrutural.

Os grupos de traballo tiveron por obxecto ordenar as numerosas comunicacións que abordaron desde moi distintos dimensións a complexa problemática habitacional. O primeiro dos grupos de traballo ocupouse da análise da natureza xurídico-constitucional do dereito á vivenda e as súas implicacións. Nese sentido explorouse a distribución competencial en materia habitacional; o concepto xurídico de “vivenda evolutiva”; a garantía do dereito á vivenda mediante outros dereitos constitucionais coma o de propiedade e liberdade de empresa e o impacto da “xentrificación” e a “turistificación” sobre o acceso á vivenda.

No segundo dos grupos debatéronse aspectos ligados ao urbanismo e a planificación urbana. Entre outras cuestións, por exemplo, abordouse a participación popular no deseño da cidade; o dereito a un entorno de calidade e o papel que a perspectiva de xénero ten a nivel de axenda ou de accesibilidade urbana.

As cuestións de natureza máis inmediatas na análise da realización do dereito á vivenda foron exploradas no terceiro dos grupos de traballo. Baixo o título “Políticas públicas e instrumentos para a garantía do dereito á vivenda” os comunicantes dialogaron sobre o actual réxime de políticas públicas de vivenda no Estado con algunhas reflexións críticas sobre a súa realización material a través de mecanismos de contención no mercado habitacional. Acompañaron esta sesión tamén comunicacións que exploraron a relación no ámbito local e comparado sobre as políticas de vivenda e a segregación social ou as políticas climáticas.

Finalmente, o cuarto grupo de traballo estivo máis orientado ao estudo da cuestión habitacional desde a perspectiva da vulnerabilidade. As e os comunicantes analizaron cuestións coma a relación dos dereito á vivenda e á cidade e a súa relación coas persoas migrantes ou coa superación de barreiras arquitectónicas. Neste último sentido, por exemplo, tamén se achegaron algunhas reflexións interesantes sobre a relación entre os conceptos de “paisaxe” e os dereitos das persoas con discapacidade.

Así mesmo, é de sinalar a participación da profesora María Silvestre da Universidade de Deusto nunha ponencia compartida coa profesora Alba Nogueira. En primeiro lugar, María Silvestre introduciu outro vector de análise no congreso ao achegar unha perspectiva profundamente sociolóxica na análise da vulnerabilidade e as dificultades no acceso á vivenda. Compartiu interesantes reflexións sobre os datos reais das dificultades que algúns entornos familiares experimentan no acceso habitacional e a súa relación coas axudas sociais. E, en segundo lugar, a profesora Alba Nogueira completou esta perspectiva cunha análise das barreiras e trabas administrativas que supoñen, xa desde o plano normativo, unha traba importante para moitas persoas no acceso á vivenda.

Finalmente, contamos coa participación da profesora Helen Carr da Universidade de Kent que clausurou o evento cunha conferencia sobre nun estudo de caso da reforma do sector privado do alugueiro en Inglaterra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *