Vulnerabilidade administrativa ante a e-Administración


Nos vindeiros tres anos no grupo Armela imos desenvolver o proxecto “Vulnerabilidade administrativa ante a e-Administración” (PID2020-115760RB-I00) do Ministerio de Ciencia e Innovación. Conformamos o equipo 15 investigadoras e investigadores procedentes de 6 Universidades e centros de investigación diferentes. Desde unha perspectiva pluridisciplinar (Dereito Constitucional, Administrativo e Ciencia Política) búscase aportar coñecemento, fundamentalmente ás Administracións  e ás  lexisladoras/es, pero tamén ás entidades sociais, para detectar os déficits de recoñecemento normativo, as modificacións procedimentais e as necesidades de reestruturación de servizos públicos para que unha Administración máis tecnoloxizada e telemática non exclua de facto a persoas e colectivos vulnerables do acceso a servizos ou prestacións públicas. Para isto propoñemos unha análise que, desde unha perspectiva vertical, conecta un estudo crítico xeral sobre as dimensións de garantía constitucional da efectividade de dereitos e de como o deseño e posta práctica de políticas públicas non ten en conta as desigualdades e as súas interseccións, ata un estudo cualitativo innovador sobre os concretos cambios necesarios a nivel lexislativo, procedimental e de atención a colectivos vulnerables para efectivizar esos dereitos. A focalización no estudo do impacto nas políticas que abordan a violencia de xénero co análise de varios casos a nivel local, que conecta coa traxectoria de especialización do equipo, permitirá aportar coñecemento concreto sobre o impacto singularmente no contexto que acentúa a pandemia. Igualmente, abrirá novas vías para a incorporación da perspectiva de xénero no novo contexto de Goberno dixital.

 

Liñas de traballo:

  • Constitucionalización do dereito a unha boa administración.
  • Garantía dos dereitos fundamentais na contorna dixital.
  • Reforma administrativa. Propostas de mellora.
  • Teletraballo nos servizos públicos.
  • Procedemento, simplificación administrativa, estratexia UE REFIT e dereitos dos grupos vulnerables.
  • Garantías para os administrados, singularmente para colectivos vulnerables, na atención non-presencial (apoio, fenda dixital…).
  • Uso de algoritmos para resolución automatizada de procedementos.
  • Efectos dos sistemas de cita previa e atención telemática en determinados colectivos.
  • A pandemia covid19 e o estudo do impacto da xeneralización da atención telemática. Diagnóstico e avaliación.
  • Estudo de caso dos efectos do EGov nas mulleres víctimas de violencia de xénero

 

 

Obxectivo xeral 1

Estudar a transformación do Estado de Benestar a nivel lexislativo e de políticas públicas por mor da crise da Covid-19.

  • Obxectivo específico 1. Identificar e analizar instrumentos normativos que recoñecen novos dereitos sociais.
  • Obxectivo específico 2. Evolución dos instrumentos e políticas identificadas para observar a tendencia a recoñecer novos dereitos, e as posibles insuficiencias e deficiencias das novas medidas.
  • Obxectivo específico 3. Análise comparada a nivel europeo, do recoñecemento de novos dereitos e prestacións.
  • Obxectivo específico 4. Formular propostas de reforma lexislativa e recoñecemento constitucional.

Obxectivo xeral 2

Avaliar as transformacións dixitais e o seu impacto na garantía de dereitos e boa administración.

  • Obxectivo específico 1. Análise da normativa vinculada á dixitalización de cara a garantir dereitos sociais e a vulnerabilidade administrativa.
  • Obxectivo específico 2. Identificar trámites e demáis requisitos que acompañan á “non presencialidade”.
  • Obxectivo específico 3. Propostas de modificación para garantir o disfrute do acceso ás servizos e dereitos sociais.
  • Obxectivo específico 4. Desenvolvemento de indicadores xurídicos para a avaliación do dereito á e-administración.

Obxectivo xeral 3

Abordar o novo escenario de transición cara a non presencialidade desde a perspectiva de xénero e interseccional.

  • Obxectivo específico 1. Análise da literatura en materia de transición ao Goberno dixital.
  • Obxectivo específico 2. Desenvolver un marco teórico-analítico para estudar a provisión de servizos públicos cunha mirada de xénero e insterseccional.
  • Obxectivo específico 3. Análise dos desafíos das TIC cara as mulleres vítimas de violencia de xénero.
  • Obxectivo específico 4. Recomendacións de mellora da atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Universidade de Santiago de Compostela

  • Alba Nogueira López. Catedrática de Dereito Administrativo. Unha das súas liñas máis importantes de investigación é a análise de dereitos sociais e vulnerabilidade. Autora do capítulo “Vulnerabilidad administrativa. Los obstáculos administrativos en el acceso a los programas de vivienda”.
  • Alba Alonso Álvarez. Profesora Axudante de Ciencias Políticas, cunha amplia experiencia no análise de políticas públicas desde a perspectiva de xénero, así como a implementación da transversalidade no Estado Autonómico (premio á mellor tese da Asociación Española de Ciencia Política).
  • Isabel Diz Otero. Profesora de Facultade de Ciencias Políticas. Especializada na análise de políticas públicas de xénero. Participou no proxecto El impacto de las políticas de igualdad en el ámbito local.
  • Marta Lois González. Profesora de Facultade de Ciencias Políticas. Especializada na análise de políticas públicas de xénero. Participou no proxecto El impacto de las políticas de igualdad en el ámbito local. Conta con experiencia na xestión de Goberno local.
  • Natalia Paleo Mosquera. Profesora de Facultade de Ciencias Políticas. Especializada na análise de políticas públicas de xénero. Coordinadora do monográfico Políticas y derecho a la vivienda. Gente sin casa, casas sin gente. 
  • Beltrán Puentes Cociña. Investigador en formación. Editor da monografía El derecho ante la transformación digital. Oportunidades, riesgos y garantías. Dirixiu o Seminario “Números, tecnoloxía e dereito”.
  • Andrei Quintiá Pastrana. Investigador en formación. Editor da monografía El derecho ante la transformación digital. Oportunidades, riesgos y garantías. Dirixiu o Seminario “Números, tecnoloxía e dereito”.

Universidade de Vigo

  • Antonia Arias. Profesora titular de Dereito Administrativo. Experta en dereito local, vulnerabilidade social e perspectiva de xénero.
  • Ángel Aday Jiménez. Profesor Axudante Doutor. Constitucionalista, traballa sobre a actualización de dereitos sociais desde unha perspectiva do constitucionalismo global, de incorporar o discurso europeo de protección de dereitos fundamentais para garantir os dereitos sociais e o impacto en colectivos vulnerabeis como a poboación xitana
  • Pablo Riquelme. Doutor da rama constitucionalista. Fai unha interpretación constitucional dos dereitos sociais segundo a xurisprudencia internacional de dereitos humanos.
  • Tamara Álvarez. Doutora da rama constitucionalista. Abordou a igualdade e a discapacidade conectando vulnerabilidade ante o exercicio de dereitos.

Universidade Complutense

  • Carmen Montesinos. Profesora Axudante Doutora. Traballa a actualización de dereitos sociais desde unha perspectiva do constitucionalismo global, de incorporar o discurso europeo de protección de dereitos fundamentais para garantir os dereitos sociais e o impacto en colectivos vulnerabeis como a poboación xitana. Membro do proxecto Vulnerabilidade e diversidade: dereitos fundamentais en contexto.

Universidade de Groningen

  • Michel Vols. Profesor de Public Order Law. Recoñecido pola Unión Europea cunha Starting Grant para o estudo do impacto do dereito internacional á vivenda no discurso legal nacional mediante o uso da Intelixencia Ar.

Universidade de Coimbra

  • Dulce Lopes. Profesora da Facultade de Dereito e membro do Proxecto de Intelixencia Artificial e Administración Pública.
  1. [Libro] Beltrán Puentes Cociña (coord.) y Andrei Quintiá Pastrana (coord.), El derecho ante la transformación digital: oportunidades, riesgos y garantías, Atelier, 2019. ISBN 9788417466916.
  2. [Capítulo] Alba Nogueira López. Vulnerabilidad administrativa. Los obstáculos administrativos en el acceso a los programas de vivienda. Políticas y derecho a la vivienda. Gente sin casas y casas sin gente, Tirant lo blanch, 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *